Saturday 27 de April de 2024

Vimianzo e Cáritas aúnan esforzos para impulsar a integración social presentando a primeira vivenda de acollida no núcleo urbano


Ambas entidades acondicionaron unha vivenda no centro do municipio a través de medidas que incluíron o arranxo da cociña, chans, ventás e teito, entre outros elementos, para que poidan habitar nela familias con poucos recursos.
O Concello de Vimianzo e Cáritas unen forzas para impulsar a integración social coa presentación da primeira vivenda de acollida no núcleo urbano do municipio. O acto tivo lugar esta tarde na praza da Igrexa. O edificio foi reformado por ambas entidades a través dun proxecto conxunto e servirá para acoller a familias que se atopen nunha situación económica precaria.

No acto de presentación participaron a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, a concelleira de Benestar Social, María José Pose, a directora adxunta de Cáritas Vimianzo, Carmen Vázquez, o párroco Don Daniel Turnes, e o delegado Episcopal, Jesús García  Por parte da corporación municipal, ademais das xa mencionadas alcaldesa e concelleira de Benestar, tamén acudiron ao acto o tenente de alcalde, Víctor Muiños; concelleira de Cultura, Rosa Blanco; concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez e concelleiro de Deportes, Mario Andújar.

“Esta vivenda é resultado do traballo en equipo entre Cáritas, o Concello e Daniel Turnes, sempre en contacto e aportando todo o necesario para sacar adiante a primeira vivenda de acollida do núcleo urbano do noso municipio” indicou a alcaldesa, Mónica Rodríguez. “A veciñanza tamén foi parte fundamental, xa que foi a que achegou, a través de doazóns a ambas institucións, os mobles cos que contará a vivenda, un auténtico exemplo de solidariedade e implicación”, agradeceu Rodríguez.

Os traballos realizados na vivenda incluíron o arranxo da cociña, chan e ventás, entre outros elementos, co obxectivo de que conte con todas as prestacións necesarias para ser habitada en boas condicións.

A vivenda rehabilitada sitúase nunha zona céntrica do municipio co obxectivo de integrar ás persoas que habiten nela na vida do municipio. Nesta ocasión será unha familia con cinco fillos a primeira que habite o lugar a partir do 1 de setembro. Será por un prazo de dous anos, que poderá ser ampliado no caso de ser necesario.

A alcaldesa tamén quixo agradecer na presentación o inestimable apoio brindado desde Servizos Sociais do Concello, e fixo mención especial ao persoal de electricidade e de Servizos Múltiples “que traballaron arreo para acondicionar a vivenda”, indicou.

Ao longo do día tamén se realizou unha xornada de portas abertas para que as persoas interesadas puideran achegarse a ver o resultado final do reacondicionamento.

Este proxecto constitúe unha nova medida social por parte do goberno local que se suma a outras como á liña de axudas ao estudantado do curso 2020-2021, que incrementou o seu orzamento en 15.700 euros.